CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os Almorzos: Xosé Fernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor

06/03/2015 - 09:25 h
Os Almorzos: Xosé Fernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor

Os Almorzos: Xosé Fernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor.

Para o fillo de Filgueira Valverde, Fernando Filgueira Iglesias, a elección de seu pai como protagonista do Día das Letras deste ano é "unha maneira de colocalo no Parnaso" da cultura galega. Por esta razón, mostrou o seu agradecemento á Real Academia e ás institucións, especialmente á Xunta, á Deputación de Pontevedra e ó Consello da Cultura, pola escolla e polo compromiso na organización de actividades para dar a coñecer a obra do autor dos "Adral"  durante todo este ano.

Fernando Filgueira Iglesias, que preside tamén a Fundación Filgueira Valverde, lembrou na conversa con Kiko Novoa a súa relación con seu pai, a quen recorda pechado durante horas no seu cuarto de traballo na casa, protexido polo coidado discreto de súa nai. 

En resposta ás críticas sobre a elección da Academia, Filgueira Iglesias asegurou que seu pai nunca foi falanxista, "que era un home de dereitas está claro", e que foi un bo alcalde de Pontevedra. Tamén negou que fose seu pai quen trouxo a fábrica de celulosa á cidade. 

O presidente da fundación sinalou o compromiso permanente de Filgueira coa lingua galega e lembrou a súa participación na redacción da Lei Villar Palasí, que nos últimos anos do franquismo abriu unha pequena físgoa para o ensino das chamadas linguas vernáculas.

O doutor Fernando Filgueira insistiu en que non se pode comprender o tecido institucional da cultura galega, desde o Seminario de Estudos Galegos dos anos vinte e trinta do século XX ao actual Consello da Cultura, sen o labor e a visión de Filgueira Valverde.  

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí