Galicia por Diante
Sánchez e Torra, a previa
Mañá poderemos dicir se pagou a pena esta xuntanza. Supoño que entre os nosos oíntes non son maioría os que a defenden. Incluso pode haber moita xente que estea de acordo co Partido Popular, que leva aos tribunais a Torra e a Sánchez. E haberá tamén moitos oíntes que pensan que é unha humillación do Estado que o xefe do Goberno se preste a negociar nada cun tipo que trata por todos os medios de romper España, que nos ofende e nos insulta coas súas diatribas supremacistas e que nunca tivo o máis pequeno xesto de lealdade co noso Estado e coa nosa nación.
Catro horas antes do comezo da xuntanza, Torra e Sánchez son os antípodas, como dixo a nosa amiga María Jesús Montero. Nin Sánchez é Suárez, como dixo a voceira, nin Torra é Carrillo. Pero que falen é transcendente, aínda que non se entendan nin deixen esperanzas de entenderse. O importante é ir falando.
Ante o acontecemento, teño que dicir basicamente dúas cousas. A primeira é que quen estea en contra dese encontro, vaia cacofonía, está cargado de razón. A segunda é que, así e todo, propoño outra reflexión: o problema catalán, ese conflito aceptado como tal polo Goberno, existe. E é un conflito grave e político. Polo tanto, politicamente tense que encarreirar. Non imos estar toda a vida con detencións, xuízos e xente no cárcere. Temos a mala sorte de ter a Torra na Generalitat, pero non se pode escoller o interlocutor do Goberno catalán. Hai o que hai, mentres os tribunais non digan outra cousa. Pódese falar con Esquerra como se falou para a investidura, pero Esquerra só é unha parte do secesionismo, aínda que sexa a máis razoable.
Non sei se o dixen algunha vez, pero, tal como se puxeron as cousas, só hai dous camiños para que Cataluña siga sendo unha parte de España: ou seducindo os cataláns que hoxe non queren saber nada do noso país ou manténdoos pola forza. O sentido común desprovisto de ideoloxías de partido, moitas veces fundamentalistas cando falan da unidade nacional, di que hai que intentar o namoramento, a sedución. E iso conséguese falando, aínda que sexa con persoeiros como Torra. E se hoxe se fracasa, como é previsible, intentándoo outra vez.
Eu penso, benquerido Valiñas, que é a única solución, aínda que proia como se fose sal nunha ferida aberta. Coa simple aplicación da lei conséguese que haxa detidos, xulgados e presos. Pero, como no conto de Monterroso, cando espertamos, o dinosauro segue aí. E o peor, moito meirande e con dentes máis longos, que é o que ata agora pasou.