CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Desmontamos mitos sobre os parabenos

05/12/2018 - 11:48 h

Neste Galicia por Diante falamos con Deborah García Bello sobre os parabenos empregados en cosmética. Recentemente, o panel de expertos en cosmética que regula este tema nos EUA (o CIR) publicou un traballo exhaustivo de máis de 200 páxinas analizando todos os estudos independentes sobre o uso destes conservantes. A conclusión é que son seguros. 

Agora os cosméticos son todos "sen parabenos". Vas por unha crema ou un xampú e todo é "sen parabenos". Que son os parabenos? Deborah García explica que son conservantes e que a palabra "parabeno" implica un montón de substancias que son quimicamente semellantes. En cosmética son necesarios os conservantes, por seguridade, e os parabenos protexen de fungos e bacterias. "Necesitamos pouca dose e son moi efectivos. Levamos 80 anos empregándoos", explica a experta.

Entón, se están tan ben, por que a xente ten medo dos parabenos? Por que os cosméticos son "sen parabenos"? A historia remóntase a 2004, cun estudo que foi malinterpretado. Algúns medios empezaron a dicir que os parabenos causaban cancro, pero isto non é así, asegura Deborah García Bello.

Entón, se son seguros, non están prohibidos, non? Non, hai catro parabenos (metil, etil, propil e butilparabeno) que están incluídos la lista de ingredientes de uso legal en cosmética. Deborah García explica como se regula isto e como en certo modo o cartel de "sen parabenos" está na beira do legal.

E os cosméticos que son "sen parabenos" que levan? Non levan conservantes? Si. Por seguridade, todos os cosméticos levan conservantes. Unha crema é coma unha maionesa. Moitas son emulsións de auga e aceites con nutrientes. Se non levan parabenos levarán outros conservantes. O máis habitual é o fenoxietanol.

E isto dos parabenos revísase constantemente, non? Hai pouco, o CIR, que é o panel de expertos en cosmética dos EUA (o análofo ao SCCS europeo), sacou un informe asegurando que compilaba centos de estudos para chegar á conclusión de que son seguros. Deborah explica como funcionan estes paneis, que son independentes das industrias, que non teñen en conta estudos con conflito de intereses, etc. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí