CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os sindicatos de Alcoa: "Pedímoslle ao Goberno a intervención das fábricas da Coruña e Avilés"

05/12/2018 - 08:15 h

Os sindicatos de Alcoa pídenlle ao Goberno a intervención das fábricas da Coruña e Avilés logo da negativa da empresa a retirar o ERE que afecta a 700 traballadores.

Hoxe constitúese en Madrid a mesa tripartita, na que se agarda que a multinacional se sente por primeira vez a negociar posibles alternativas ao peche das factorías.

O presidente da fábrica da Grela, Juan Carlos López Corbacho, manifestou no "Galicia por diante" a súa confianza en que a mesa poida desenvolver os traballos sen ningún tipo de presión.
"Pedimos que non haxa presión ningunha para que a mesa tripartita, a mesa técnica que se reúne este mércores, por primeira vez, defina o calendario e sente as bases para buscar posibles compradores".

López Corbacho opina que a negativa da multinacional a retirar os 700 despedimentos evindencia a falta de interese á hora de atopar compradores: 
"Alcoa di que non hai interese e si que o hai; o que ocorre é que non quere vender. Leva moito tempo sen facer investimentos nas plantas da Coruña e de Avilés para que non vallan para ninguén". "A multinacional elixiu o momento no que subiu o prezo da alumina e da enerxía, que polo cambio de Goberno aínda non estaba regulada, para anunciar o peche das fábricas".

A representación legal dos empregados de Alcoa na Grela advirte que van defenderse na mesa que se constitúe hoxe pero tamén na rúa. Juan Carlos López Corbacho di que, tras a negativa da empresa a retirar o ERE, a solución pasa pola intervención do Goberno. "O Executivo conta con todos os apoios para intervir a empresa e abrir un proceso de busca dun comprador. Ten o aval de catro declaracións institucionais dos Parlamentos de Galicia e de Asturias, do Congreso dos deputados e dos partidos políticos. Hai unanimidade á hora de defender a continuidade das fábricas de aluminio da Coruña e de Avilés. O do aluminio é un sector estratéxico de futuro que non podemos perder".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí