CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Día de rectificacións

05/12/2018 - 08:07 h

Onte foi o día das rectificacións, dos reveses, de non ter nin idea do que se quere facer deste país. Tres veces se falou dende a presidencia do Goberno ou dende o partido que o sostén, e tres veces foi para estender a confusión.

Primeira lea por orde cronolóxica: o Partido Socialista recúa e, onde anunciaba porta de saída a Susana Díaz despois da desfeita electoral, cambiou esa porta por un “xa veremos”, por agora non queremos guerra aberta e, se Susana ten que caer, caerá pola lei da gravidade. Por que ese cambio en 24 horas? Porque a dirección do PSOE percibiu síntomas de rebelión entre os baróns, para os que a cabeza de Susana é moito máis que un prezo electoral: sería a caída dun modelo de socialismo en que moitos deses dirixentes están integrados. Cousas do partido e de todos os partidos cando se encontran en dificultades.

Peor foi o da inviolabilidade do rei. No mes de setembro, é dicir, hai pouco máis de tres meses, a ministra voceira dicía que ese cambio na Constitución non entraba en absoluto na proposta dos aforamentos que acababa de anunciar Sánchez. “En absoluto”, dicía a ministra. E onte Sánchez acepta a posibilidade e engade que o rei podería estar de acordo. Todo para que despois Ábalos matice que só é unha opinión persoal. O voceiro que matiza ao xefe. Iso hai que velo para crelo. Agora, se Sánchez o pensa, aínda que sexa como opinión persoal, vaian vostedes saber o que está tramando.

E a última, o anuncio de que levará os orzamentos ao Congreso en xaneiro para que os demais se retraten. Terceiro descoloque dos analistas. Unha de dúas: ou está negociando ou quere usar esa presentación para poder dicirlle ao país: se non me deixan subir o salario mínimo aos pobres e toda a política social que levan as contas, teño que convocar eleccións, teño que acudir ao pobo fronte aos insensibles coas necesidades dos máis desfavorecidos.

E nesas andamos. Ante todo iso, só podo dicir unha cousa: o líder, para selo, necesita en primeiro lugar ofrecer seguridades de futuro. Se non ofrece seguridades, non é líder nin é nada. Así que xulguen os oíntes se Sánchez é un líder. E o seu partido, tamén.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí