CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Boris Johnson, ese que tal

05/09/2019 - 07:39 h

Curioso persoeiro este Boris Johnson. Así, visto na distancia, parece unha mestura de Donald Trump e de Jesús Gil, non sei se lembrades. De Trump ten ese menosprezo a todo o que non sexa o seu pensamento. Aos adversarios non é que non os respecte; é que os insulta. Onte, por exemplo, chamoulle galiña ao líder laborista Corbyn e cualificou a súa política como "unha merda".

Literalmente, unha merda. De Gil ten a ousadía de querer impoñerse a todo o que se lle opón, de facer espectáculo da política e de entrar nas institucións como elefante nunha cacharrería. E dos dous ten o impulso populista. Como gobernante, Boris Johnson é tal como o vemos nas fotos: un persoeiro que transmite unha imaxe de medio tolo, desaliñado, ao que lle importa unha figa o que se pense do seu xeito de vestir e ata de peitearse. E intimamente recolle todas as características dun ditador. Se puidese, establecería unha ditadura no Reino Unido.

Cales son esas características? Pois, por exemplo, a de pensar na autarquía británica; a de perseguir os discrepantes, aos que bota do partido tory, pero non lle importaría levalos ao cárcere; a de propoñerlle á raíña pechar o Parlamento para que non poida discutirlle nada do que pretende e a de reaccionar con ameazas se se atopa cunha votación que lle bota abaixo un proxecto.

O que pasa é que en Europa eses persoeiros non teñen moito futuro. Hai nada caeu Salvini en Italia, outro que tal baila. E o señor Johnson vai de derrota en derrota ata a derrota final. Onte tivo o día máis humillante. Viña de perder a maioría absoluta pola fuga dun dos seus deputados, e onte perdeu unha votación que o obriga a renunciar ao Brexit salvaxe e buscar un acordo ou atrasar a saída. Quixo disolver o Parlamento e adiantar eleccións, porque ten as enquisas a favor, e o Parlamento británico non é coma o español: para adiantar eleccións hai que contar cos dous terzos da Cámara, e quedou moi lonxe na votación. É un primeiro ministro humillado que, polo de agora, non conta con máis apoios que o de Trump, que o anima a saír da Unión Europea como sexa.

Como vai acabar isto? Se o laborismo estivese un pouco máis forte, era o momento de presentar unha moción de censura, pero non sei se Corbyn terá os apoios necesarios. E, respecto ao brexit pactado, va veremos. Tres ou catro veces intentou Theresa May ese acordo, e tres ou catro veces llo botaron abaixo ata obrigala a dimitir. No fondo, o que lles pasa aos políticos ingleses é que non saben o que queren. E, como advertencia para outros países, entre eles España, de Londres vén unha lección: coidado cos referendos, que, como ás armas, cárgaos o demo. E o demo parece que fala inglés.   

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí