CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Raúl Blanco: "O acordo desta madrugada desbloquea de maneira case definitiva a venda de Alcoa"

05/07/2019 - 08:10 h

O secretario xeral do Ministerio de Industria, Raúl Blanco, di que o acordo desta madrugada entre Alcoa e os sindicatos "desbloquea de maneira case definitiva a operación pola parte laboral, e agora só falta unha condición; é que a 31 de xullo as garantías que pactaron Alcoa e Parter Capital Group estean depositadas, e iso automaticamente executaría a venda e, grazas ao acordo de hoxe, daríase por finalizado o proceso, o acordo laboral que se conseguiu o 15 de xaneiro, co cal é un paso moi importante no camiño para garantir o 100% do emprego, solución integral para as dúas plantas".

Neste senso, Blanco recorda que "en outubro tiñamos dúas plantas pechadas na Coruña e Avilés, en xaneiro conseguimos entre todos e co esforzo de todos que se chegase a un acordo laboral e hoxe xa temos unha data -31 de xullo-, co cal alóngase o período de aplicación do acordo laboral e hai unha data de aplicación automática para a venda. Se hai garantías, hai venda e hai futuro industrial e laboral para as trescentas familias da Coruña".

O secretario xeral de Industria aclara que "o desta noite significa unha rúbrica expresa [á operación de venda entre Alcoa e Parter] en termos legais e o que se conseguiu é unha toma de razón, unha finalización do proceso, de que os sindicatos darían por acabado o acordo laboral de 15 de xaneiro se se executa a venda, co cal xa é o visto bo [ao acordo entre as dúas compañías]".

Sobre o Estatuto de Consumidores Electrointensivos, Raúl Blanco recoñece que "é absolutamente necesario; levamos meses traballando niso. Non se pode aprobar estando en funcións, co cal, tan pronto como haxa Goberno, será unha das medidas que no primeiro momento se tomen". En relación ás reticencias de Competencia ao primeiro documento, o secretario xeral de Industria afirma que "estas semanas houbo unha negociación ampla para solucionar todos os aspectos que xurdiron o 25 de abril relativos a competencia, etcétera, e imos polo camiño de que estean solucionados e, polo tanto, que poida, tan pronto haxa Goberno, ter aprobadas as medidas ao respecto".

Comenta que "as medidas que se van tomar teñen na óptica a factoría [de Alcoa] en Lugo, teñen na óptica o resto da industria electrointensiva e, polo tanto, serán positivas e van favorecer que a situación respecto ao prezo da enerxía que padece a industria durante os últimos anos mellore e, sobre todo, traballemos pola competitividade fronte aos países máis próximos, como Francia e Alemaña e outros países competidores".

O secretario xeral de Industria quixo agradecer "o traballo realizado nas últimas semanas polos representantes dos traballadores da Coruña -foron uns meses difíciles para eles e as súas familias-, e tamén agradecer o traballo realizado nos últimos días de colaboración coa Xunta. Sen dúbida, a colaboración institucional sempre nos fai máis fortes a todos e que poidamos conseguir e superar retos de futuro industrial e de futuro laboral, que creo que é un obxectivo común para todos".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí