CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ángeles Vázquez: "A vindeira semana haberá axudas para que os particulares amañen construcións en ladrillo ou bloque"

05/03/2021 - 08:22 h

A partir da semana que vén, a Xunta daralles axudas aos propietario de vivendas para que receben as casas que teñen ladrillo á vista ou bloque. É unha das medidas que aprobou o Goberno galego para loitar contra o feísmo en Galicia. A conselleira da Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou no 'Galicia por diante' que tamén hai axudas dispoñibles para que os concellos amañen travesías, prazas ou obras do patrimonio galego, como fontes, palcos da música ou lavadoiros.

"As axudas son fundamentais. Haberá axudas dirixidas aos concellos para a humanización de certos espazos, como poden ser desde travesías ata prazas, eses espazos onde nos reunimos, ata eses elementos singulares de cada unha das zonas, con eses palcos da música, eses lavadoiros, esas fontes, eses hórreos... ao cal temos que engadir tamén a eliminación do feísmo que vai dirixido especialmente aos particulares, como cando temos unha medianeira que está en ladrillo ou eses espazos que nos resgardan que moitas veces están de bloque ou tamén de ladrillo, sen que haxa un recebo. Para ese tipo de actuacións sacaremos a vindeira semana un millón de euros para particulares, como máximo 3.000 euros. Chegaremos cada ano a unhas 333 actuacións, e iso fará que Galicia elimine grazas ás axudas de todos ese feísmo".

A conselleira tamén explicou que aprobaron un cambio nas axudas para mercar unha vivenda nos centros históricos de 50 concellos galegos. Ata o de agora, só había subvencións para os menores de 35 anos. De agora en diante, suprímese ese requisito. As axudas son de ata 15.000 euros. A partida inicial global é de 600.000.

Ángeles Vázquez tamén lamentou a actitude do Goberno central por formular novas normas para o alugueiro "sen ter en conta as comunidades autónomas". A conselleira di que o principal requisito para que volva haber vivendas en alugueiro abondas é darlles seguridade xurídica aos propietarios. Por iso, apuntou que están "articulando o sistema" para que os propietarios lle cedan vivendas á Xunta por dez anos, para que sexa o executivo galego quen as poña no mercado do alugueiro, pero garantíndolles aos donos a renda mensual e que, pasados os dez anos, volva ás súas mans en "condicións dignas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia