CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ángel Mato, alcalde de Ferrol: "Non haberá desfiles procesionais, pero si eventos máis controlados con acollida limitada"

05/03/2021 - 08:13 h

A cidade de Ferrol afronta con prudencia a reapertura da mobilidade decretada pola Xunta. Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o alcalde Ángel Mato asegurou que a cidadanía está "desexando facer uso desa mobilidade", pero é consciente que hai que ir "paseniño, con coidado e mantendo as normas de seguridade para que non teñamos consecuencias máis adiante".

O rexedor recoñece que esta Semana Santa será diferente e que os organizadores levan meses planificando varios escenarios distintos. "Eles eran conscientes de que en función da evolución (da pandemia) terían que preparar uns eventos diferentes. Non teñen previsto facer desfiles procesionais, pero si eventos máis controlados con ocupación limitada, mantendo as condicións de seguridade para que neste segundo ano de pandemia se poida celebrar o evento turístico mais importante de Ferrol de todo o ano".

Xa en materia industrial, o alcalde, Ángel Mato, pídelles ás administracións que aposten por Ferrol para acometer a transformación industrial que a comarca precisa.  Ángel Mato aposta por instalar novas empresas vinculadas á eólica mariña aproveitando a industria naval e auxiliar que existe na zona.

"A industria vinculada á eólica mariña ten que supor esa transformacion industrial ligada á transición enerxética -explica-. Aquí temos industria naval e auxiliar vinculada a parques eólicos mariños. Fai falla unha aposta decidida por parte da Xunta e do Goberno central, poñendo incentivos enriba da mesa e poñendo de acordo a sectores públicos e privados parque que se instalen nas nosas comarcas. Iso podería evitar o despoboamento que se está producindo en tódolos nosos concellos".

Segundo Mato, "boa parte do produto interior bruto industrial que se xera en Galicia ten que ver con esta área xeográfica e non deberiamos renunciar como país a seguir desenvolvendo esta industria que xera un emprego de calidade e estable".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia