CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Antonio Fontenla, portavoz dos empresarios galegos: "Non podemos ser competitivos cando en Portugal teñen un SMI de 630 €"

05/02/2020 - 08:15 h

O presidente dos empresarios da provincia da Coruña e portavoz da Confederación de Empresarios de Galicia sostivo na Radio Galega que hai unha correlación entre a suba do salario mínimo interprofesional e o aumento do desemprego.

Antonio Fontenla considera que os datos de paro do mes de xaneiro non se deben só á estacionalidade, senón que se deben "ás medidas do Goberno, que provocan unha diminución da actividade económica".

Unha desas medidas é o SMI. Antonio Fontenla cre que está a ter uns efectos "tremendos". Explica que "non todas as comunidades autónomas teñen o mesmo nivel de renda e 50 euros máis repercuten moito naquelas máis pobres, e por sectores pasa o mesmo. Non son o mesmo 50 euros na industria que no agro".

O portavoz da Confederación de Empresarios de Galicia cre que "non se poden tocar temas tan importantes tan rapidamente e sen consensuar. O Goberno  só o consultou cos axentes sociais. Foi un tema simbólico". E sinalou que, mentres en España temos un SMI de 950 euros, "en Portugal é de 630. Se temos que ser competitivos, temos que selo en moitas cousas. Isto prexudica o traballo en España".

Antonio Fontenla tamén se referiu aos plans do Executivo de derrogar a reforma laboral do PP. Ao seu xuízo, "debe reunirse a comisión tripartita e ver que aspectos se queren modificar. Pero esa reforma laboral tan deostada foi a que fixo que se crease tanto emprego en Galicia e grazas a ela salváronse moitas empresas en plena crise económica". Advertiu tamén de que "sería moi grave que se modificase a subcontratación, da que dependen moitos sectores".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia