CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Luis Fernández Celis (UXT): "Seguimos perdendo poboación activa e o emprego que se crea é precario"

05/02/2020 - 08:09 h

O secretario de organización de UXT-Galicia, José Luis Fernández Celis, avaliaba esta mañá no 'Galicia por diante' os datos do paro durante o mes de xaneiro publicados onte e sinalaba que o maior problema está na precariedade e nos baixos salarios. Explicou que "en Galicia temos unha poboación activa moi reducida, que se foi perdendo dende o inicio da crise e non se recuperou".

Segundo dixo, "os últimos datos amosan que o emprego medra menos do que o fixo nos últimos anos; o que quere dicir que estamos en desaceleración da creación do emprego". Considerou que a precariedade é o principal problema do mercado laboral galego, xa que "do novo emprego, menos do 10 por cento é indefinido".

José Luis Fernández Celis tamén é partidario de derrogar por completo a reforma laboral do PP e de que o Goberno o faga por decreto: "As reformas que se fixeron por decreto tamén poden derrogarse por decreto". A partir de aí, amosouse aberto a chegar a acordos no marco do diálogo social.

Ao preguntarlle por se a suba do salario mínimo interprofesional pode ter incidencia na destrución de emprego, o secretario de organización de UXT-Galicia sostén que "os problemas do agro non veñen polo SMI, senón polo modelo de conformación de empresas, porque se pagan prezos por baixo dos custos de produción e quen leva o gran beneficio son os intermediarios". "As queixas sobre o  SMI", concluíu, "veñen de determinados latifundistas".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia