CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Germán Bou: "Temos a obriga de saber cales son as variantes do coronavirus que circulan na nosa área sanitaria"

04/03/2021 - 09:01 h

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña pon en marcha un laboratorio de secuenciación xenómica para analizar as diferentes variantes de coronavirus activas na área sanitaria coruñesa.
Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o xefe de Microbioloxía do CHUAC, Germán Bou, asegurou que o laboratorio procesará as mostras enviadas polo persoal sanitario e realizará un estudo aleatorio semanal dos novos contaxios.

Os resultados obtidos enviaranse ao Ministerio de Sanidade, que se encarga de agrupar os datos de prevalencia das variantes por comunidades autónomas.

Segundo o responsable do laboratorio de xenómica do CHUAC, neste momento non abonda só con detectar novos contaxios, cómpre tamén coñecer o mellor posible a presenza das diferentes mutacións do coronavirus responsable da COVID-19.

A detección das novas variantes e os estudos sobre o seu comportamento permitirá sobre todo avaliar a eficacia das vacinas fronte ás posibles mutacións. O doutor Bou asegura que todas as vacinas aprobadas pola Unión Europea son efectivas para todas as variantes descubertas ata agora, aínda que nalgúns caso pode reducirse a súa eficacia.

O xefe de Microbioloxía do CHUAC cre que o aumento da carga viral en augas residuais detectado estes días na Coruña pode deberse a dous factores: que anticipe unha nova repunta da epidemia ou que responda a un comportamento máis persistente da variedade británica do coronavirus, a predominante neste momento en Galicia. En todo caso, insiste Germán Bou, é preciso aumentar a vixilancia ante calquera síntoma de repunta.

Neste sentido, Germán Bou mostrouse favorable a restrixir estritamente a mobilidade entre comunidades autónomas durante a Semana Santa, para evitar unha nova onda "que podería ser letal para o sistema sanitario e para a sociedade". Que non aconteceza, dixo, como no Nadal, "que todos recoñecemos que foi un erro".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia