CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Lexislatura de tolos

03/12/2019 - 07:32 h

O calendario vaise cumprindo. Hoxe constitúense as Cortes, que é o máis doado da lexislatura. E, sendo tan doado, mira que leas temos. A esta hora non se sabe se Vox vai estar na Mesa do Congreso ou non vai estar. Tampouco se sabe se lle vai prestar votos a Ciudadanos para que non quede marxinado de todo. E todo pode pasar: que funcione o cordón sanitario a Vox e con 52 escanos non estea na Mesa. A novidade do asunto é que ata agora as tres dereitas se entenderon ben en concellos e en autonomías, pero cando chegan ao Congreso chocan as estratexias. O que supoño que pasa é que Vox lle quere facer pagar a Ciudadanos polos menosprezos que lle fixo nas negociacións, que non quería aparecer con eles na foto. E tamén pode pasar que a Vox lle importe pouco o que pase. Se queda fóra da Mesa, pode lanzar a mensaxe de que non o queren, de que o marxinan e todo iso. É dicir, converterse en mártir para seguir explotando o voto de cabreo. Se entra na Mesa, rompe o cordón, presume de vitoria contra os que o querían botar, con b, e sobe de categoría. Xa será unha parte do sistema.

Pero despois temos o substancial. Esta lexislatura que empeza, que diaños será? Unha cousa que dure uns meses, que dure un par de anos, ou que chegue ao final? Onte avarióuseme a bóla de cristal e non podo responder. Sánchez dixo que de terceiras eleccións, nada de nada, pero Sánchez dixo tantas cousas e as contrarias, que vaian vostedes saber. Moi seguro non debe estar, porque lle pide ao PP que se absteña e colabore na gobernación. Pero Casado di que non, que Sánchez quere cambiar o réxime, e a iso non se presta. E o que eu penso é que, dende logo, ao PP non se lle pode pedir que apoie gratis un goberno de esquerda radical. E, se se trata dunha gran coalición, penso que pasaría por defenestrar a Sánchez. Ese sería o prezo: calquera socialista, menos Sánchez, que, segundo Casado, é o peor socialista dos últimos corenta anos.

E despois está a coalición con Podemos. Só pode saír coa abstención de Esquerra Republicana, pero Esquerra xoga unha guerra de nervios, con aquilo de que non ten présa e pode agardar a xaneiro. Pero o tempo é o de menos. O de máis é se Esquerra renuncia ou non renuncia á autodeterminación. Se non renuncia, as saídas son complexas: se hai pacto con esa condición, será un desastre. Se non se asina o pacto, ou coalición co PP ou terceiras eleccións. Un pouco de tolos, benquerido Valiñas. E eu coa bóla de cristal estragada. Creo que Pedro Sánchez tamén.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí