CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Programa Sánchez

03/09/2019 - 07:40 h

Ían ser 300 propostas, pero –debe ser pola inflación— xa subiron a 370. E, polo que vemos publicado a xeito de anticipación, máis parece un programa populista de esquerdas que o froito de xente de centro. É dicir, que case parece un programa de Unidas Podemos ou, polo menos, feito para agradar a Unidas Podemos. É aquilo de “vouche facer unha proposta que non poderás rexeitar”.

Aí está case todo o que as xentes de Pablo Iglesias veñen pedindo: blindaxe constitucional das pensións, ingreso mínimo vital, loita contra os abusos dos alugueiros, eutanasia... Nótase que Pedro Sánchez falou moito máis cos representantes da sociedade máis necesitada que cos promotores de investimentos. É o que corresponde a un presidente de esquerdas que quere atraer a un partido de máis esquerdas ca el.

A min gústame, porque trata de resolver os maiores problemas sociais. Pero atópolle os problemas elementais: aquí hai moito gasto que non está claro como se financiará, e son demasiadas frontes e compromisos para que todos se poidan cumprir. Pero o de menos é o contido. O importante é a intención. E o que eu non sei é se todo é unha representación teatral ou Pedro Sánchez vai en serio e pretende, efectivamente, gañar a vontade de Iglesias e evitar as eleccións. Verémolo a partir de hoxe, cando o papel pase das musas ao teatro e empecen as reaccións.

Penso que o que se vai discutir na mesa de negociación non son tanto as 370 medidas como o poder. E, polo escoitado estes últimos días, non está nada claro que Iglesias se renda a cambio de nada. Nada claro. Cando algo se pide, como presuntamente pide Sánchez, hai que pagalo.

De momento, non é bo indicio que Sánchez e Iglesias non falasen e que deixen esa conversa como punto final das xuntanzas dos equipos negociadores, se é que se chegan a celebrar. Pero dígoche unha cousa, Valiñas: que máis dá? Se Sánchez non atrae a Iglesias e gaña o seu si para a investidura, os 370 puntos van ser o programa electoral do PSOE de cara ao 10 de novembro. E teñen unha vantaxe moi importante sobre os demais programas: será o único que coñezamos en todos os detalles, o máis difundido e o máis debatido en faladoiros e declaracións doutros políticos. Ou sexa, que é unha acción estratéxica gañadora: se convence a Podemos, punto para Sánchez. Se non convence a Podemos, punto tamén para Sánchez, que colle a dianteira electoral. E o que veña detrás, que apande.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí