CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Rueda: "Queremos unha solución rápida para a transferencia dos 700 millóns, pero non descartamos acudir aos tribunais"

03/09/2019 - 08:10 h

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "Queremos unha solución rápida para a transferencia dos 700 millóns, pero non descartamos acudir aos tribunais".

O vicepresidente do Goberno galego explicou esta mañá no Galicia por diante que a Xunta xa lle fixo chegar ao Goberno central o informe elaborado pola súa asesoría xurídica en que se avala que o Estado lles transfira ás comunidades autónomas os cartos que lles corresponden con independencia de que estea ou non en funcións.

Alfonso Rueda sinala que os servizos xurídicos conclúen que os gobernos en funcións "poden actuar de xeito excepcional ante feitos excepcionais, e nestes momentos as comunidades autónomas  están dicindo que a falta desas transferencias pon en perigo a prestación dos servizos públicos".

Insiste o vicepresidente en que os 700 millóns de euros que reclama Galicia son cartos que lle pertencen á comunidade, "que xa están recadados", e critica as declaracións da ministra de Facenda, María Jesús Montero, en que explicaba que as autonomías poden seguir contraendo compromisos de gasto. "Claro que o poden facer", di Rueda, "pero eses compromisos hai que pagalos".

Alfonso Rueda reclama a convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira para que sexa ese o marco onde se explicite que non hai impedimentos xurídicos para que o  Goberno central faga as transferencias pendentes ás comunidades.

"Sería de absoluta irresponsabilidade", valorou, "convocalo a finais de ano, porque é unha situación urxente en que os provedores teñen que cobrar".

O vicepresidente galego non descarta acudir aos tribunais para forzar o Executivo central ao pagamento dos 700 millóns. Con todo, recoñece que esta sería a última opción porque a Xunta "quere resolvelo rápido" e a vía xudicial sería un proceso de varios meses.

Por último, Rueda insiste en que a Xunta non busca na súa reclamación "a liorta política" e cualificou de "ridículo incomprensible" a actitude do PSdeG por negar un problema que recoñecen "as propias comunidades gobernadas polo PSOE".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí