CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Mª X. Pereira, xefa de Medicina Preventiva do CHUAC: "Estamos máis seguros dos tratamentos, pero queda moito por facer"

03/03/2021 - 09:03 h

Un ano despois de que se detectara na Coruña o primeiro contaxio por coronavirus en Galicia, a doutora María José Pereira, xefa do Servizo de medicina Preventiva do CHUAC asegura que a situación da área sanitaria manifesta unha tendencia descendente, aínda que aminorada pola presenza dominante da variante británica.

Nunha entrevista na Radio Galega, a doutora Pereira afirma que para evitar unha cuarta onda da pandemia é preciso que os cidadáns manteñan as medidas sanitarias, aumente o ritmo de vacinación e se sigan realizando cribados preventivos.

Hai hoxe un ano, os servizos sanitarios do CHUAC detectaron o primeiro contaxio por coronarivus en Galicia. Era un home de 49 anos que viaxara á Coruña desde Madrid. A doutora María José Pereira lembra que os profesionais sanitarios xa tiñan sospeitas de posibles contaxiados desde o 24 de febreiro, unha semana antes de que aflorase o primeiro caso. Naquel momento, o persoal sanitario tivo que enfrontarse a unha enfermidade practicamente descoñecida. Un ano despois, o enfoque terapéutico é xa máis seguro.

Para a xefa do servizo de Medicina Preventiva do CHUAC, a ralentización da tendencia descendente na área sanitaria da Coruña se debe a dous factores: por unha parte, á presenza prevalente da chamada variante británica, que se manifesta no mantemento da carga viral nos últimos estudos de augas residuais e, por outra banda, que ao final da onda pandémica, o ritmo das altas faise máis lento porque os últimos casos son xeralmente máis complicados.

A doutora Pereira afirma que existe a posibilidade de que o coronavirus se converta nun virus estacional, pero que é preciso manter as medidas sanitarias e aumentar o ritmo de vacinación para evitar unha cuarta onda. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia