Galicia por Diante
Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa UE: "Hai moitos máis británicos en España que españois no RU"
O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, afirma que moitas das condicións tralo Brexit as van negociar o Reino Unido e cada un dos estados europeos, non necesariamente Bruxelas. Pon como exemplo os dereitos dos cidadáns, como a Seguridade Social dos españois residentes en Gran Bretaña, o recoñecemento dos títulos ou o sistema para acceder a licitacións públicas.
Pero Gamallo apunta que a presión debe ser para os negociadores británicos, non para os europeos. "Hai moitos máis británicos en España que españois no Reino Unido. E polo tanto iso tamén lles compete moito aos británicos, que reciben asistencia sanitaria, por exemplo, e vai ser obxecto de negociación durante estes meses".
"Hai que falar de cousas que lles preocupan moito aos galegos, por exemplo, o recoñecemento dos títulos e das cualificacións profesionais ou as devindicacións da Seguridadde Social, porque en Europa funciona un sistema de harmonización de lexislacións en materia de Seguridade Social, que isto, coa saída do Reino Unido, vai estar en cuestión".
"Cando pase o período de transición, haberá que ver como avanza a negociación no que ten que ver cos dereitos dos cidadáns, como por exemplo as contratacións públicas, porque moitos profesionais conseguiron ou poden conseguir contratos en concursos públicos e, polo tanto, a negociación da contratación pública tamén vai mudar, porque o Reino Unido sae da Unión Europea e pode primar os británicos fronte aos europeos, e isto pode contribuír á saída dalgúns profesionais".
"Isto vaise ir resolvendo a medida que avancen as negociacións, en moitos casos bilateralmente entre os estados e o Reino Unido".
Gamallo tamén reiterou que o compromiso tanto dos británicos como dos europeos é pecharen, de forma prioritaria, o futuro acordo de pesca e despois, unha vez pechado o pesqueiro, definir o acordo xeral de comercio.