CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

'Brexit'

03/02/2020 - 07:38 h

Eu son dos que pensan que o 'brexit' de verdade empeza agora. E empeza agora para o resto do mundo e singularmente para España. Agora hai once meses por diante para completar a negociación con Bruxelas e ninguén pensa que vai ser unha negociación doada. Hai que falar de aranceis, das relacións comerciais en xeral, de compensacións económicas, das fronteiras de Irlanda, do status de Xibraltar, da inmigración, dos dereitos dos cidadáns europeos en Inglaterra e dos dereitos dos ingleses nos vinte e sete países que quedan na Unión. De todo iso falouse xa e hai moito acordado. Pero agora hai que concretalo, e non se entende moi ben por que se fixo a saída do Reino Unido deixando tantos e tan importantes cabos soltos.

Despois temos como materia pendente que vai facer Boris Johnson co país. Ata agora vendeu que a saída de Europa era a única solución e a mellor solución. Pero agora ten que decidir se o seu socio preferente é Europa, ou os Estados Unidos, ou quizais A China, que tantas posibilidades ofrece a pesar do coronavirus, ou como se vai levar con Rusia, que foi a máis interesada en producir esta crise na Unión Europea. E un medo que se empeza a palpar en medios empresariais: que, ao non estar ligado aos compromisos europeos, Boris Johnson se converta nun competidor desleal ás portas mesmas de Europa. Como? Pois con artimañas fiscais que asemellen Inglaterra a un paraíso fiscal ou cun imposto de sociedades moi baixo, para atraer alí a grandes empresas europeas. Esa sería a peor xogada para os antigos socios.

Entre eles, España. O noso país é un dos que máis xogan no 'brexit'. Primeiro, pola cuestión de Xibraltar. Xibraltar será unha colonia inaceptable no século XXI. Será un sitio onde se acubilla unha fraude fiscal non debidamente cuantificada, pero escandalosa. Pero é, ao mismo tempo, un lugar que dá emprego a miles de cidadáns españois de La Línea de la Concepción e doutros concellos.

Segundo, polos investimentos que temos no Reino Unido. España é o segundo país investidor. Alí traballan todas as grandes empresas, os meirandes bancos, construtoras e empresas de servizos. Se a Inglaterra lle vai mal, notarase tamén na economía española. Temos tamén os ingleses que viven aquí, sobre todo no Levante, e que son bastantes máis dos que se di: fálase de 300.000, pero incluso na embaixada pensan que poden ser 100.000 máis, que están aquí sen empadroar nin arranxar os papeis. A maioría, como son xubilados, gastan en España o que gañan no Reino Unido. E por último, hai 18 millóns de ingleses que fan turismo cada ano en España. Benquerido Valiñas, eu son dos que se puxeron tristes o venres, cando se arriaron as bandeiras británicas nas institucións europeas. Pero, sentindo que se vaian, vistos estes datos, hai que pedir que lles saia ben.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia