CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Joaquín Yvancos, avogado dos accionistas minoritarios da antiga Pescanova:"Os afectados poderán recuperar máis da metade dos cartos"

02/12/2019 - 08:20 h

Comeza o xuízo para determinar as responsabilidades da bancarrota de Pescanova. Despois de oito anos de investigacións, a Audiencia Nacional xulga 19 acusados de falsear as contas da multinacional de Chapela.

A plataforma de pequenos accionistas da compañía, que agrupa máis de 400 afectados, que se estima que é o 20 por cento do total, agarda que o xuízo sirva para determinar as responsabilidade civís para que os investidores poidan recuperar "máis da metade dos cartos", segundo o seu avogado, Joaquín Yvancos.

"O xuíz imporá a pena esixindo as responsabilidades, sobre todo o que implica responsabilidade civil subsidiara dos que saian culpables ao final, o que lles permitirá aos accionistas minoritarios recuperar gran parte do diñeiro, posto que aquí hai trabada ou embargada unha chea de propiedades. Hai unha chea de cartos que lle foi collida á muller de Manuel Fernández. E logo está tamén unha cantidade moi importante, de máis de 40 millóns de euros, que tivo que poñer como aval a firma BDO, que é a quinta auditora do mundo".

Joaquín Yvancos recorda que as autoridades lle atoparon en Portugal á muller de Fernández de Sousa entre catro e cinco millóns de euros en efectivo. Ademais, di, están embargadas moitas leiras e soares dos acusados, incluíndo terreos históricos de cultivo de kiwi no sur da provincia de Pontevedra.

O avogado anima a todos os vellos accionistas de Pescanova a sumárense á demanda, xa que teñen de prazo ata que se coñeza a sentenza. En calquera caso, matizou que moitos deses investidores declararon as perdas e compensáronas para evitar os impostos doutros investimentos noutras compañías, polo que "xa cobraron fiscalmente".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí