CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Cumio do Clima

02/12/2019 - 07:38 h

Por comezar por algo positivo, debo resaltar que España cumpriu. O tempo era pouco para preparar o cumio, coa presenza de 50 mandatarios e unhas 29.000 persoas que chegaron a Madrid. Era unha proba de eficacia do país e cumpriuse. Este sábado, é dicir antonte, o presidente de IFEMA, o galego Clemente González Soler, dicíame: “Hoxe entregámoslles ao Goberno e á ONU todas as instalacións acabadas a tempo e, como dixo Nacións Unidas, con calidade”. Parabéns por superar a proba. É un bo xeito de empezar.

A partir de aí, as dúbidas. Estamos nun momento crucial para a supervivencia do planeta. Como dixo o secretario xeral da ONU, á beira de chegar ao punto de non retorno. Cando xa non haxa retorno, non haberá nada que facer. Os tons son dramáticos, case que de ultimato: ou agora, ou quizais nunca. Ese é o desafío do Cumio do Clima de Madrid. Nada menos ca iso. De que se trata? De poñer as condicións para que se poida deter ou frear o quecemento global, agora que aínda se di que estamos a tempo. Deter o quecemento quizais sexa imposible. Por iso o propósito é chegar ao final do século cun incremento de grao e medio das temperaturas. Dous graos xa sería un perigo moi grande.

Pero iso non se fai, como dixo alguén, só con palabras. Palabras témolas todos, máis ou menos afortunadas, pero hai que pasar aos feitos. E os feitos consisten en reducir as emisións de CO2. Gran parte do mundo está disposto, pero hai grandes inimigos, que son os chamados negacionistas do cambio climático. Aí temos nada menos que o presidente dos Estados Unidos. E o presidente do Brasil, Bolsonaro. E temos tamén os que non poñen moito interese, que son o xefe do Estado ruso, Putin, e a China, que é a principal emisora. Catro grandes potencias, unha gran parte do mundo. Se o Brasil continúa queimando a Amazonia e se a China continúa contaminando, permítaseme toda desconfianza. Agardo que o cumio sirva para crear conciencia da situación e eses dirixentes sexan capaces de entender o problema. E, con respecto a eles e a todos os demais, do Cumio de Madrid debe saír o compromiso de políticas e obxectivos que se deben cumprir.

Como non sexa así, estaremos desfacendo a Terra, e parece que de forma precipitada. Non hai máis que ver os procesos de desertización, os fenómenos naturais, o risco de aumentar o nivel do mar, as inundacións e un dato que poucas veces se recolle: hoxe xa hai vinte millóns de persoas desprazadas por culpa dos ciclóns, dos incendios e das secas. A única esperanza é o que se está dicindo: aínda estamos a tempo. Pero, querido Valiñas, creo que ese tempo é pouco.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia