CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Antonio López, reitor da USC: "Animamos o estudantado a acudir á cita e que poidan facer as probas do coronavirus"

02/03/2021 - 08:14 h

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, anima a realizar as probas do coronavirus os estudantes que se reincorporan estes días ás clases presenciais, despois de varias semanas con clases a través da web. Explicou que a volta foi "tranquila e de acordo co previsto, con absoluta normalidade".

"En Santiago está previsto que se desenvolvan desde onte ata o xoves. En Lugo, está previsto que rematen hoxe. A participación é un pouco máis baixa da que tiveramos no cribado anterior, que fixeramos polo mes de outubro. A participación en Compostela foi do 50%. En Lugo, foi un pouco máis alta, ao redor do 60 por cento. En canto aos resultados, en Santiago houbo dous positivos, de entre todas as probas feitas, que foron preto de 2.000 e en Lugo non houbo ningún positivo".

"En calquera caso, temos que insistir no chamamento. Seguramente esas cifras máis baixas de participación teñen que ver con que era o primeiro día. Seguramente un número importante de persoas que onte mesmo se desprazaron ás cidades onde teñen que facer os seus estudos e ao mellor non puideron acudir a esa cita que tiñan establecida. Animámolos a que, se non puideron acudir no día de onte, acudan e poidan facer as probas".

Fóra diso, o reitor tamén explicou que o Ministerio de Universidades lles enviou aos campus ao longo das últimas semanas varias propostas para modificar os plans de estudos, de forma que non haxa carreiras de tres anos.

"Ben é certo que ata o de agora se contemplaba a posibilidade de que existisen graos de 3 anos de duración, aínda que cunhas limitacións moi precisas. Non podía haber graos que tivesen ao mesmo tempo duración de 4 e duración de 3, é dicir, que tiñan que ser para ensinanzas novas que non estivesen implantadas no sistema universitario previamente. Dende as universidades sempre se manifestaron certas reticencias a esta dobre condición dos graos de 3 e 4 anos, porque introduce complicacións importantes, tanto logo na continuidade dos máster, porque temos que acabar garantindo que o alumnado despois do máster complete 300 créditos, polo tanto a duración dos graos condiciona tamén a duración dos masters e polo tanto introduce unhas complicacións evidentes na formulación da oferta de estudos".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia