Galicia por Diante
Juan Ramón Paseiro: "O conflito de Alcoa non pechou en falso. Parter comprometeuse a facer un proxecto de futuro"
O responsable da UXT do comité de Alcoa da Coruña, Juan Ramón Paseiro, felicítase pola venda das fábricas herculina e asturiana a Parter Capital.
"Estamos contentos porque en outubro estabamos pechados. Grazas á loita dos traballadores e ao apoio da cidade da Coruña conseguimos que agora haxa unha vía de futuro para a factoría".
Juan Ramón Paseiro confía en que o fondo suízo traia novos proxectos para as dúas plantas, como o do aluminio reciclado.
"Parécennos proxectos moi ambiciosos que xa se están implementando en Europa, pero en España non hai ningún. Alcoa nunca apostou por eles. Sermos os primeiros poderíanos abrir máis portas".
Matiza o responsable da UXT que a venda das dúas plantas coa garantía de manter os postos de traballo durante dous anos non significa pechar en falso o conflito.
"Parter garante o emprego e di que quere ter un proxecto de futuro neste país. Comprometeuse tamén a arrancar de novo as series de electrólise se o prezo da luz era estable, por debaixo dos 40 euros o megawatt".
Paseiro subliña que iso xa depende do que faga o Goberno, de que aprobe o estatuto das electrointensivas para conseguir fixar todo o emprego e incluso aumentalo.
"O problema que temos a partir dos dous anos é conseguir o cen por cento da empregabilidade, e iso si que vai depender do que xa lle levabamos demandando ao goberno que había en 2012, de que hai que lexislar un prezo competitivo da electricidade".
A ministra de Industria, Reyes Maroto, aseguraba onte que a aprobación dun estatuto para as electrointensivas depende da formación dun goberno. Nese sentido, Juan Ramón Paseiro pídelles aos grupos políticos que "espilan e asuman as súas responsabilidades" porque o réxime tarifario para as grandes consumidoras de enerxía xa está tardando.