CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alberto Fdez. Villar: "As Unidades de Seguimento Poscovid van permitir atender os pacientes con síntomas persistentes"

01/03/2021 - 08:17 h

A creación por parte do Sergas de Unidades de Seguimento de Enfermos de COVID-19 vai permitirlles aos profesionais sanitarios dispoñer de estatísticas fiables que permitan mellorar os tratamentos de pacientes con síntomas persistentes.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o doutor Alberto Fernández Villar, xefe de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, asegura que coas Unidades de Seguimento Poscovid, os profesionais disporán dunha estrutura asistencial específica para este tipo de pacientes e utilizarán uns mesmos criterios para derivar os doentes que o precisen a médicos especilistas.

Fernández Villar sinala que, como di a Organización Mundial da Saúde, o dez por cento das persoas contaxiadas de coronavirus seguen tendo síntomas da enfermidade tres meses despois de recibir a alta. É máis, o doutor asegura que "en 25 anos de práctica médica nunha vin tanta duración dos síntomas en infeccións respiratorias. Nada que ver coa gripe ou outras patoloxías". De feito, o relato máis habitual dos pacientes de COVID-19 con síntomas persistentes é "que non son capaces de facer o que facían antes da infección".

Con todo, o doutor Fernández Villar asegura que co tempo se produce unha melloría e case todos os pacientes recuperan capacidade pulmonar. O doutor recomenda a este tipo de pacientes reactivar a súa vida normal e acudir a rehabilitación.

O xefe do Servizo de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro considera que as Unidades Poscovid deberán ser capaces de abordar a parte emocional da pandemia: a canseira acumulada polas restricións ou a tensión emocional provocada polas prolongadas estadías hospitalarias ou a morte de persoas próximas. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia