Galicia por Diante Fin de Semana
Xosé Paleo: "Está habendo contactos entre Goberno, Liberty e Alcoa e esperamos que canto antes nos dean a noticia de que se vende"
Xosé Paleo, representante da CIG no comité de empresa de Alcoa San Cibrao, di que non perde a "esperanza" de que hoxe haxa noticias positivas para o futuro da factoría.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Paleo di que "está habendo contactos entre Goberno, Liberty e Alcoa", que "contan con seguir negociando hoxe" e que esperan "que canto antes nos dean a noticia de que se vende e a Mariña ten futuro".
En caso de que non haxa hoxe acordo, Paleo insta as administracións a intervir para gañar tempo e que haxa marxe para seguir negociando. Neste día no que remata o prazo de negociación inicial para buscar un acordo de venda, hai convocada unha manifestación que parte ás once da mañá da estación de tren de Xove e rematará ante o concello. Enclave "simbólico", segundo Paleo, por ser a estación da que parten "as placas que saen da fábrica camiño de Amorebieta" e o concello máis afectado por ser onde está a fábrica que Alcoa ameaza con pechar. Di que agarda que a manifestación "sexa multitudinaria".