Galicia por Diante Fin de Semana
Juan Manuel Vieites: "Haberá conservas galegas no Reino Unido despois do 'brexit'"
O presidente da patronal Anfaco-Cecopesca, Juan Manuel Vieites, dixo na Radio Galega que as conservas galegas de peixe e marisco seguirán estando nos mercados británicos unha vez que se materialice a saída do Reino Unido da Unión Europea.
Vieites sostén que, para chegar a ese mercado nas mellores condicións e poder afrontar os sobrecustos, as conserveiras terán que apostar pola calidade e a innovación para se diferenciar dos seus competidores. De momento, e a pesar da incerteza, as contas sáenlles. Como confirmaba Juan Manuel Vieites, as exportacións seguen crecendo por sexto ano consecutivo.
O presidente de Anfaco-Cecopesca tamén reclamou normas iguais para todos para evitar a competencia desleal de países como Tailandia, onde as conserveiras non están sometidas ás mesmas regras: "Hai que xogar no mesmo campo de xogo, vixilancia e control para todos", reclamou Juan Manuel Vieites. "Se as normativas internacionais se cumpren -afirmou- as conserveiras galegas son imbatibles".