CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

A conselleira de Emprego confía en que o Goberno central transfira en maio as axudas directas para empresas e autónomos outorgadas a Galicia

24/04/2021 - 09:38 h

A Xunta confía en que o Goberno transfira en maio os 234 millóns de euros de axudas directas para empresas e autónomos outorgados a Galicia. Poderán acceder a elas as empresas que viran minguados os seus ingresos nun 30 por cento por mor da crise do coronavirus, independentemente do seu tamaño.

A conselleira de Emprego, María Xesús Lorenzana, descoñece cantos poden ser os beneficiarios en Galicia. Nunha entrevista no 'Galicia por diante fin de semana' tachou de ridícula e insuficiente a partida. Teme que a maior parte dos cartos acaben en mans das grandes empresas. 

A titular de Emprego do Goberno galego conta con que os cartos cheguen a Galicia en maio. Asegura que a Xunta está disposta a realizar un anticipo de ata o 80% ante a complexidade que presenta o marco regulatorio deseñado polo Goberno.

A semana que vén a conselleira de Emprego reunirase coa mesa de autónomos e cos axentes sociais para consensuar as condicións en que se realizará a repartición das axudas.