CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Xosé Manuel Estévez: "Co 'brexit' Galicia perde, pero as perdas serán a metade ca en Cataluña, Madrid ou Valencia"

19/10/2019 - 08:29 h

O catedrático da Universidade da Coruña e analista de política internacional, Xosé Manuel Estévez, dixo na Radio Galega que a Unión Europea sairá fortalecida se sae adiante o acordo para o brexit, que o Parlamento británico vota este sábado.

O "divorcio" da Unión Europea e o Reino Unido terá un impacto importante na nosa economía, afirmou: "Galicia perde, pero as perdas serán a metade ca en Cataluña, Madrid ou Valencia". Os máis afectados serán o sector pesqueiro, o téxtil e mais a automoción.

Tamén quedan no aire, dixo Xosé Manuel Estévez, as indemnizacións da aseguradora do Prestige. Ademais, as pemes, as pequenas e medianas empresas, terán que facerlle fronte a máis burocracia, minguarán as exportacións agrícolas e o sector turístico tamén sufrirá as consecuencias da saída do Reino Unido da Unión Europea.

Para os cidadáns galegos residentes no arquipélago británico, o día a día seguirá sendo igual, polo menos ata finais do ano que vén, cando está previsto que remate o período de transición. Entre outras, porque Londres, explicou Xosé Manuel Estévez, se comprometeu a respectar os dereitos de residencia, de traballo e de asistencia sanitaria. Co acordo, que este sábado se vota no Parlamento de Westminster, prohíbese a discriminación por nacionalidade.