CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Adelina Somoza: "Quedoume moito medo no corpo, aínda hoxe me sobresalto con calquera ruído"

19/06/2021 - 11:04 h

Adelina Somoza, unha galega de Portomarín, relatou no 'Galicia por diante fin de semana' como logrou sobrevivir ao atentado de Hipercor, perpetrado polo banda terrorista ETA un 19 de xuño de 1987 e que deixou 21 vítimas e 45 feridos. Este sábado cúmprense 34 anos.

"Ese día non tiña nada que ir mercar ao centro comercial pero decidín acompañar unha amiga a mercar uns zapatos. Cando estaba cunha caixa na man recibín un fogonazo, puxen as mans na cara e iso foi o que me salvou de queimala. Acto seguido vinme envolta nunha gran bóla de lume, e quedei soterrada debaixo dunha libraría. O seguinte que recordo é o meu paso pola Unidade de Queimados do hospital.”

"Cando me trasladaron ao hospital logrei recoñecer a miña amiga Bárbara. Non deixaba de berrar e preguntar: que será dos meus fillos?, ela morreu un mes despois".

Adelina, que na actualidade segue vivindo en Barcelona, moi cerca do centro comercial onde tivo lugar o atentado, explicou que malia pasar por distintas enfermidades coma o cancro, non hai nada que poida superar a dor que padeceu debido ás queimaduras:

"Foi horrroroso. Cada vez que me facían as curas, non soportaba que me tocaran. Non había calmantes suficientes”

"Hai que perdoar porque non se soluciona nada, pero esquecer non. Dóeme recordar o atentado, e non deixo de preguntarme: que é o que fixemos mal? Cal é a razón de que haxa xente tan mala e tan cruel?"