Galicia por Diante Fin de Semana
Fontenla: "As medidas que anuncia o novo Goberno son de poñer os pelos de punta"
Antonio Fontenla aseguraba nunha entrevista na Radio Galega que “as medidas que anuncia o novo Goberno son de poñer os pelos de punta porque se fala dun salario mínimo que supón un 33% sobre o que está establecido hoxe, se fala de que o déficit se pode ir ó 3,5% o cal eu creo que Bruxelas non o vai a permitir, non o vai a tolerar, e se fala de aumentar os gastos nunhas cifras importantísimas”. En concreto, advirte que a suba do SMI “levaría a moítisimos autónomos e traballadores ó paro” e tamén se amosa en contra de encarecer o despedimento: “teñen que darse conta de que estamos xogando unha competición europea e temos que ser competitivos”. O que sí cre é que hai que reformar as modalidades de contrato: “temos motísimas modalidades de contrato. Hai que ir a 2 ou 3. Non se poder tanto modelo. Parecemos unha enciclopedia cos modelos de contrato que temos”. En relación á nova ministra Yolanda Díaz recoñece que “o seu plantexamento me pon un pouco nervioso” e que, en cambio, lle da máis confianza o perfil “máis ortodoxo” de Nadia Calviño.
Fontenla amosa a súa preocupación polo atraso na chegada do AVE a Galicia, que cualifica de “ocasión perdida”. Desvela que nas conversas co executivo central “o último que se nos dixo é que estaba previsto para o ano 21”, o que suporía xa un ano de atraso en relación ós prazos comprometidos, e cre que aínda se pode poñer en servizo antes do 2022: “se se fan tódolos esforzos e se pon a xente nese tema eu creo que se pode terminar antes. Ó mellor non ó principio do 21, pero si nos primeiros meses. Sería moi desexable”.
Antonio Fontenla tamén urxe ó Goberno a aprobar canto antes o estatuto para as empresas electrointensivas ante o risco de peche de plantas como a de Alcoa en San Cibrao. O que dá por practicamente perdida é a térmica das Pontes. E nese sentido advirte que “nos estamos pasando. Non hai que ser nas obrigas o primeiro. Hai que estar na media. E parece que nos gusta destacar nos temas que en realidade nos está eliminando competitividade”.
En relación á crise institucional que atravesa a CEG, Fontenla velle unha saída nun prazo de 3-4 meses, no horizonte da asamblea electoral o 30 de abril. Confía en que haxa candidatos que dean o paso para dirixir a confederación e desvela na Radio Galega que “nesta última semana falei con dous que sí están dispostos e creo que hai outros dous que tamén teñen intención de presentarse”.