CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

O rural galego necesita veterinarios

17/04/2021 - 11:30 h

No 'Galicia por diante da fin de semana', Carlos Reboreda fálanos de veterinaria.

A maioría dos profesionais que acaban a carreira cada ano na Facultade de Veterinaria de Lugo elixe as clínicas de mascotas antes ca as clínicas de animais grandes do rural.

A veterinaria Mónica García Mon admite que no rural pode haber certos momentos máis esixentes dadas as particularidades dese tipo de contornas, pero os profesionais gozan dos mesmos dereitos laborais, respecto a horarios, quendas, días libres, etc. Ademais, economicamente cobran mellor ca os veterinarios de mascotas.

Hai coronavirus entre as vacas desde hai moito, pero tamén existe a vacina para elas desde o primeiro momento. Non resulta un problema. Os casos que máis se atenden son os de inseminación, partos e as enfermidades estomacais.

Ao traballar con animais grandes, podes levar de cando en vez algunha "turrada" pero son os "riscos do oficio" e para Mónica García nunca acabaron en lesións.

Na zona de Meira, onde traballa esta veterinaria lucense, asegura que nunca viu un lobo, pero si que ten clientes que lle dixeron que os viron, e sufriron, perdendo ovellas. E sobre todo o que Mónica viu son xabarís, provocando grandes estragos e accidentes.