CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Adrián Dios, da Coordinadora de En Marea: "Unidos Podemos non está respectando os acordos polos cales se presentou ás autonómicas"

16/06/2019 - 08:42 h

O responsable de Finanzas, Transparencia e Xuventude da Coordinadora de En Marea, Adrián Dios, amosa a súa total disposición a negociar unha persoa de consenso para que sexa a elixida polo grupo parlamentario de En Marea como senador ou senadora por designación autonómica. Dios expresou esa vontade de dialogar logo de que os afíns a Villares non recoñecesen  elección de José Manuel Sande,  maioritariamente escollida polos deputados do grupo que son críticos co líder do partido instrumental.

Aínda así, o membro da Coordinadora responsabiliza a Unidas Podemos da situación. Na súa opinión, "Unidas Podemos é un proxecto político que non está respectando os acordos polos cales se presentou ás eleccións autonómicas". Engadiu que "é unha proposta unilateral e que non representa ao conxunto do espazo" e que "se estamos falando de que existen dous proxectos diferentes que son En Marea e Unidas Podemos, o correcto sería poder establecer procedementos democráticos para a escolla do senador e en segundo lugar, buscar opcións de consenso, e é aí onde nos situamos nós", subliñou.

Así mesmo, Dios suxeriu que ao partido liderado por Luís Villares lle gustaría manter contactos con Más Madrid. Adrián Dios cualifica de "interesante" o proxecto político impulsado por Íñigo Errejón fronte a outro proxecto, o de Podemos, ao que ve en deriva descendente, "solitario" e igualouno Izquierda Unida. Segundo Dios, "asumindo que nós formamos parte tamén dese espazo político do cambio en Galicia, para nós é importante manter relacións con outras formacións".  Acto seguido dixo que "a figura de Errejón é unha figura determinante en todo o que aconteceu na dinámica política do espazo rupturista nos últimos 5-6 anos e que sempre pode ser interesante manter esas conversas".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí