Galicia por Diante Fin de Semana
Ana Pontón cualifica de "pitorreo" e "vacile" a polémica arredor das datas de finalización do AVE en Galicia
A voceira nacional do BNG cualifica de "pitorreo" e "vacile" a polémica arredor das datas de finalización do AVE a Galicia. Logo de que a responsable do ADIF eludira o venres marcar un prazo para a posta en servizo do último treito da alta velocidade, Ana Pontón dicía nunha entrevista na Radio Galega que "é bastante difícil saber se vai estar ou non" nos prazos comprometidos e engadía que "eu creo que non vai estar, pero é unha responsabilidade compartida do PP e do PSOE".
Pontón tamén reparte culpas entre populares e socialistas en relación ao futuro da industria electrointensiva: "Fracasou o modelo enerxético do PP e un goberno do PSOE que nos últimos tempos non cumpriu a súa palabra", e subliña que "se fixo unha poxa de interrompibilidade que en vez de ser osíxeno é asfixia para o sector". Adianta que meterá presión aos socialistas para artellar unha solución no marco das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez.
Neste senso, a líder do Bloque salienta que aínda non teñen "unha posición definida", malia que recoñece que hai "un bo clima de diálogo" co PSOE: "Non estamos nun momento nin de liñas vermellas nin de exteriorizar e radiar todo o que é un debate que penso que necesita certa calma para que o resultado sexa positivo. Nós evidentemente se non hai compromisos con Galicia non podemos dar un voto afirmativo a ningún goberno. E o que esperamos e traballamos con boa expectativa é que o resultado desta negociación sexa positivo".
Ana Pontón amósase optimista en relación a poder artellar unha solución para a división do Grupo Mixto no Congreso: "É cuestionable a propia resolución da Mesa, pero, en todo caso, como isto é unha cuestión operativa técnica de funcionamento da propia institución que non ten máis valor que ese, o que temos que buscar esta próxima semana é unha solución que permita esa división do Grupo Mixto en dous grupos".