CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Ethel Vázquez: "A data de finalización do AVE ata Ourense é un dato que o Ministerio de Fomento coñece e que cala"

14/12/2019 - 08:11 h

A conselleira de infraestruturas acusa ao Ministerio de Fomento de ocultar a data de posta en servizo da alta velocidade a Galicia. Nunha entrevista no 'Galicia por diante' da Radio Galega, Ethel Vázquez dixo que "a data de finalización do AVE ata Ourense é un dato que o Ministerio de Fomento coñece e que cala".
 
Vázquez insiste en que a negativa da responsable do ADIF a poñer prazos concretos demostra que o atraso é moi importante. Resalta que "as estruturas, os viadutos, túneles, a plataforma está prácticamente rematada, pero resta a colocación da vía, a electrificación, a catenaria, que é menos investimento pero que tamén leva moitísimo tempo. Son máis de 100 quilómetros. Polo tanto, a nosa previsión é que o atraso é importante. Eu creo que é unha evidencia que onte non se dera data ningunha é porque o atraso é importantísimo".
 
A conselleira afirma que Galicia non "se pode pemitir non ter alta velocidade para o Xacobeo e engade que "nós temos esa dúbida que pode chegar no 2021 por eso estamos vixiantes e insistimos en que queremos interlocución e información" co Ministerio.
 
Tamén reclama unha reunión con Fomento para abordar a proposta da Xunta para frear a suba das peaxes da AP-9, que considera "o negocio do século" para Audasa e que atribúe a un acordo "blindado" polo Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero: "Incrementos acumulativos consecuencia dun acordo dun Goberno do Partido Socialista con Audasa. Un acordo que debe ser revisado porque o certo é que analizamos ese acordo e dende logo que para Audasa foi o negocio do século porque estamos a ver que se pagan 1.400 millóns de euros por obras de 230 millóns".
 
A conselleira di que non teñen aínda resposta do Ministerio e denuncia a asimetría das subas da AP-9 con outras vías do resto de España.