CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Os 14.000 pacientes de dano cerebral e 6.000 de párkinson que hai en Galicia poderían mellorar o seu estado se os balnearios galegos ofrecesen terapias

12/06/2021 - 11:30 h

En Galicia hai 14.000 pacientes de dano cerebral e 6000 de párkinson, poderían mellorar o seu estado se os balnearios galegos ofrecesen terapias, que noutros países, como Francia, ofrecen desde hai anos.

No 'Galicia por diante da fin de semana', Carlos Reboreda falou con Javier Jorge Barreiro, profesor emérito de Anatomía Humana da Universidade de Santiago.

O doutor asegura que as persoas que padeceron a COVID-19 tamén poderían favorecerse de tratamentos balnearios, non só no que se refire a secuelas no aparato locomotor, senón tamén a patoloxías relacionadas co aparato respiratorio, onde as augas termais están especialmente indicadas.

Estas terapias todas, non substitúen o tratamento principal, senón que se trata de terapias complementarias, que melloran o estado físico e psicolóxico do paciente.

Os balnearios teñen que buscar a maneira de dar un salto no seu catálogo de terapias porque a demanda de tratamentos deste tipo é moi alta, asegura o doutor Barreiro.

A investigación é importante para explorar as posibilidades das augas termais. Persoas enfermas de esclerose múltiple poden mellorar a súa calidade de vida con estes tratamentos.