CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta: "De Goberno de coalición nada, dous gobernos, como o bipartito en Galicia"

12/01/2020 - 08:15 h

Alfonso Rueda quéixase de que o novo goberno de PSOE e Podemos comece con "moita discusión e moitas hipotecas". Ironizaba nunha entrevista na Radio Galega con que "acabaría o bloqueo, pero empezou a inestabilidade" e compara a situación agora a nivel nacional co bipartito en Galicia: "A sensación é que de Goberno de coalición nada, dous gobernos como todo parece aventurar, como moitos nos temiamos dende o primeiro día. Aquí en Galicia xa o vimos catro anos, o famoso bipartito que durou o que durou e parece ser que aquí vai ser todo o mesmo".

Tamén opina que é un gabinete moi numeroso: "Parece que hai barra libre para colocar a todo o mundo e a min, sinceramente, 20 ministros e catro vicepresidencias paréceme excesivo pensando que, ademais, a coordinación brilla pola súa ausencia".

En relación á nova titular de Traballo, a galega Yolanda Díaz, lembra a súa etapa en Galicia, afirma que "non deixou bo sabor de boca" e conclúe que "os antecedentes non aventuran que poida ser unha boa ministra". Tamén lembra o papel de Teresa Ribera con sectores como a automoción ou a térmica das Pontes para afirmar que "Galicia lle importa ben pouco".

Nunha entrevista na Radio Galega, o vicepresidente da Xunta revela que o Goberno galego pechou 2019 cun lixeiro desvío sobre o teito de déficit que atribúe á negativa do Executivo Central a transferir os 370 millóns de euros que lle debe en materia de financiamento. Rueda di que ao BNG  lle "debería caer a cara de vergoña" por renunciar a esixir que se pague esa débeda no acordo de investidura asinado co PSOE.