CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

O presidente do Clúster de Galicia reclama a chegada do AVE a Galicia para poder competir en igualdade de condicións con outras autonomías

07/12/2019 - 08:34 h

O posible atraso na finalización das obras da alta velocidade previstas para finais de 2019 preocupan ao sector turístico galego.

O presidente do Clúster, Ceáreo Pardal dicía esta mañá nunha entrevista na Radio Galega que "están cansos xa de tanto baile de datas" e urxe a súa posta en funcionamento pola repercusión positiva que traería á Galicia.

Explica que coa chegada do AVE "habería un impulso para o turismo e poderíanse manter as cifras que se prevén para o Xacobeo 2021 en anos sucesivos". Engade, ademais, que "Galicia merece un tren de alta velocidade para poder competir en igualdade con outras autonomías".

Canto as previsións para esta ponte de decembro en Galicia, Cesáreo Pardal apunta a unha ocupación media do 65%, que vai a aumentar ata o 95% nas principais cidades como Coruña ou Vigo e tamén no turismo rural da Ribeira Sacra ou da Costa da Morte. Estes últimos destinos, tradicionais xa nestas datas, son os escollidos polos amantes da "paisaxe, o mar e a gastronomía".

Pero tamén destaca Pardal a repercusión que está a ter o "efecto luces" entre os hostaleiros vigueses ou doutras cidades próximas. "As rúas están ateigadas de xente a partir das sete da tarde e o sector está a obter tamén os seus réditos", xa que -engade- "todo o que sexa promoción turística e consolidación de destino é bo", aínda que -puntualiza- "haberá que facelo dun xeito ordenado para que convivan os vigueses cos turistas e os excursionistas (os visitantes que veñen só a pasar o día sen pernoctar na cidade)".