Galicia por Diante Fin de Semana
Alfonso Rueda: "É un dos momentos de máis ataques á Constitución, o malo é que, esta vez, veñen tamén desde dentro do Goberno"
Co gallo do Día da Constitución, 6 de decembro, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo referencia á Carta Magna e aos ataques que, segundo a súa opinión, se lle están lanzando mesmo dende dentro do Goberno.
Nunha entrevista na Radio Galega, Rueda, en referencia ao documento constitucional, asegura que "estamos vendo que unha parte do Goberno, a que dirixe o seu vicepresidente Pablo Iglesias, se dedica, un día si e outro tamén, xunto con outros partidos que apoia o Goberno, a facer ataques e a poñela en cuestión dun xeito moi grave".
Por outra parte, o vicepresidente da Xunta explicou tamén que xa se presentaron máis de dez mil solicitudes para acceder ás axudas postas en marcha polo Goberno galego para a hostalaría. Unha cifra moi elevada -valorou Rueda- que dá conta da delicada situación que sofre o sector por mor das restricións derivadas do coronavirus.
Nese senso, o vicepresidente instou o Executivo central a que poña en marcha un plan nacional de rescate, con axudas para todo o sector turístico.
No tocante á evolución da pandemia, Rueda observa unha evolución positiva e agarda que a tendencia se manteña para que no Nadal se poidan suavizar as restricións.