CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

César Lema: "O nivel de esixencia en 2º de bacharelato é enorme"

06/06/2021 - 10:29 h

No 'Galicia por diante' falamos con César Lema, xefe de estudos do IES Xelmírez I de Santiago. Durante a entrevista, explicou algúns consellos e recomendacións para os máis de 13.000 estudantes que se presentarán á ABAU a partir do martes.

"Antes de nada quero lembrar que estes alumnos son dunha xeración que pasou directamente de 4º da ESO a 2º de bacharelato sen ningunha rodaxe en bacharelato por mor da pandemia e merecen un aplauso", explicou na Radio Galega. 

Sinala tamén que "o nivel de esixencia en 2º de bacharelato é enorme" e recoméndalles que visiten o sitio onde vai ser o exame "para acabar co medo escénico".

Xa no día do exame, o consello é "cando empecen, que collan o exame, que respiren, hai que lelo con calma e ir ao que saben, ao que estean máis seguros. E que calculen ben o tempo do que dispoñen".

César Lema trasládalles aos mozos unha mensaxe de confianza. Durante a entrevista asegurou que "eles saben moitísimo máis do que pensan agora mesmo".