Galicia por Diante Fin de Semana
O presidente do TSXG agarda que nun ano se vexan resultados no plan de reforzo dos xulgados galegos
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza di que traballan no deseño dun plan de reforzo para algúns xulgados nos que a tramitación de asuntos non é tan rápida como debera.
Nunha entrevista no Galicia por diante, José María Gómez y Díaz-Castroverde dixo que agarda que no prazo dun ano ou un ano e medio poidan verse os resultados nos xulgados que acumulan os maiores atrasos.
"Son os de social e tamén os xulgados con competencias en cláusulas abusivas. Todos eles están por riba do 140 por cento en asuntos de entrada", afirmou.
Gómez asegurou tamén que "temos que reflexionar sobre a organización territorial, que ten unha antigüidade do século XIX" para planificar a creación de novos xulgados acordes coa realidade actual de Galicia.
O presidente do TSXG referiuse, ademais, ás críticas polo aprazamento do xuízo polo crime de Diana Quer ao non constituírse o xurado popular. Afirmou que "é importante que se poida constituir coa precisión e imparcialidade que a lei esixe". Na súa opinión, "houbo causas de escusa perfectamente xustificadas, e a maior garantía era suspender o proceso e que se faga un novo sorteo. Creo que se fixo perfectamente e vaise resolver nun prazo razoable".