CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

'De viaxe' por Dinamarca coa arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola

01/05/2021 - 10:25 h

A arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola foi a protagonista do espazo 'De viaxe', que conduce Isabel Freire.

"Dinamarca é un país que namora, debería servirnos de exemplo", salienta.

Isabel Aguirre viaxa con frecuencia a Dinamarca porque a súa filla casou cun danés e ten dous netos aló: "Copenhague está chea de tendas de flores porque a xente pon flores nas fiestras e candeas acesas pola noite, é unha preciosidade. Senten orgullo pola súa paisaxe e amor pola natureza."

Dinamarca ten 407 illas, aínda que só 79 están habitadas. "Son como pequenos paraísos, porque apoian a agricultura ecolóxica e as tradicións, porque coidan as casas, esas casas de madeira moi antigas e as pintan e volven pintalas e coidan os tellados... É emocionante o cariño que transmiten con ese coidado do seu", relata a arquitecta.

Isabel Aguirre referiuse tamén ás condicións sociais de Dinamarca: "É un país moi curioso, moi democrático; ten unha calidade social, de protección social enorme. Por exemplo, as axudas aos estudantes que dispoñen dun soldo para independizarse mentres están na Universidade."

Entre as tradicións, ela salienta a festa de Santa Lucía: "Celébrase moito e poñen coroas, acenden candeas, os nenos cantan... Tamén celebran cando aparecen os amorodos, os amorodos alí son unha marabilla e celebran unha festa enorme. Pero non son tan festeiros coma nós"

Como conclusión Isabel puxo énfase nesta idea: "Os países nórdicos son moi interesantes".