CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Martes e mércores con fútbol na Radio Galega

28/06/2020 - 22:51 h

Martes e mércores con fútbol na Radio Galega.  O final expreso da Liga de Fútbol Profesional chega ao ecuador. O martes e o mércores, Galicia en goles comeza ás sete da tarde para contar os partidos dos nosos equipos na sexta xornada desde que se retomaron os campionatos na Primeira e Segunda divisións.

O martes compartirán protagonismo o Celta e o Deportivo. No Son Moix, o equipo vigués ten a ocasión de certificar virtualmente a permanencia. Na actualidade hai oito puntos de diferenza entre un e outro e as situacións son dispares, xa que o conxunto de Óscar García Junyent atravesa por un dos mellores momentos da temporada.

Mentres, o Deportivo visita no Rodríguez López o Tenerife, que pasou de estar pelexando pola permanencia a soñar con disputar a fase de ascenso. Así e todo, o cadro herculino chegará ás Canarias reforzado polas últimas dúas vitorias. Xa o mércores, o encontro da xornada será o que disputen no Anxo Carro o Lugo e o Numancia. Non lle queda outra ao cadro galego que sumar os tres puntos para evitar afundirse antes de tempo no pozo do descenso. Ata o domingo, o equipo soriano era o peor da segunda volta, pero, tras derrotar o Oviedo, conseguiu escapar das catro últimas posicións.

Coma cada xornada, Galicia en goles chega aos oíntes a través de varias plataformas: FM, TDT, web radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e a través dos altofalantes Alexa.