CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

Fernando Vázquez "Síntome avergoñado ante o deportivismo e a historia deste club"

12/07/2020 - 19:21 h

O Deportivo perdeu en Riazor ante o Estremadura por dous goles a tres e complica as súas opcións de permanencia. 

O adestrador do conxunto coruñés, Fernando Vázquez, foi moi claro na conferencia de prensa trala derrota ante un conxunto xa descendido: "Tiñamos unha bala marabillosa para saír e desaproveitámola cun partido lamentable. Teño ganas de pedir perdón, avergonzado, ganas de chorar. Sensación estraña. Non teño explicación para o de hoxe"

As palabras do de Castrofeito foron moi claras: "Díxenllelo aos xogadores, sinto vergonza ante o deportivismo e ante a historia deste club. Vexo o partido dende arriba e sinto vergoña. Que metan tres goles no segundo tempo dío todo sobre o partido. O importante é impoñerse de inicio, ter esa personalidade, ser quen de gañar cando tes que gañar. O equipo reaccionou pero seguiamos cometendo os mesmos erros".

Sobre unha posible aliñación indebida do conxunto estremeño (xogou con seis futbolistas do primeiro equipo durante uns segundos mentres Cabrera estaba sendo atendido) Vázquez non se quixo pronunciar: "Non sei do que me estás falando. Nin me dei conta. Por iso non entendía a pregunta. Aínda é máis triste para nós o que fixemos hoxe. Seguinte pregunta...".