CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

O Depor-Xirona abre este venres a xornada de 'Galicia en goles'

09/02/2020 - 22:59 h

A xornada de fútbol comeza o venres para os equipos galegos co partido Deportivo-Xirona en Riazor. Desde as oito e media do serán, Paco Santos dirixe a primeira edición de Galicia en goles, con Javi Torres, Rocío Candal e Xosé Manuel Traba no estadio para contar o que suceda durante os noventa minutos de xogo. O programa prolongarase ata as doce da noite, coa emisión das roldas de prensa do adestradores Martí e Fernando Vázquez, xunto ás entrevistas na zona mixta aos mellores xogadores.

O sábado, ás tres, Xoán Galán pon en marcha a sesión de tarde, que estará centrada no derbi de fútbol no Couto entre a Unión Deportiva Ourense e o Ourense C. F. Ademais, os partidos da LEB Ouro de baloncesto para Breogán, COB Ourense e Marín, xunto ás citas para o Cisne no balonmán de prata e para o Guardés e o Porriño na Copa feminina serán outros dos argumentos informativos. O fútbol sala e a Euroliga de hockei a patíns na Coruña completan a oferta de retransmisións.

Xa o domingo, ás doce menos cuarto, a edición matinal contará o Fuenlabrada-Lugo de Segunda División A, desde o Fernando Torres. Na Segunda B xogan o Racing de Ferrol na Malata ante o Eivissa e o Coruxo no Vao frote ao Baleares. Ademais, encontro sobranceiro na Terceira entre o Fabril e o Compostela.

A partir das tres, o interese da xornada pasará polo Real Madrid-Celta de Vigo no Santiago Bernabeu, coa narración de Roberto Carlos Carballo, a análise táctica de Peli Cantoná e o xuízo arbitral de Xulián Suárez Fuentes. Antes do encontro de Primeira, o Galicia en goles seguirá a Segunda B co Langreo-Celta B e o Pontevedra-Oviedo B, xunto ao Raio Vallecano-Deportivo da Primeira feminina e os seis encontros que pechan o calendario da Terceira.

Ás once da noite, Pedro Pablo Alonso abrirá Ao contraataque coa conferencia de prensa de Óscar García e as declaracións dos xogadores destacados no Bernabéu.

Ademais do Galicia en goles, a Radio Galega ofrece cada sábado tres espazos de diferente temática deportiva. Á unha da tarde, Alfonso Pardo visita ao clube de patinaxe artística de Gondomar, que conseguiu o ano pasado medallas nos campionatos do mundo, de Europa e de España. Ás once da noite, Rodrigo Pérez conduce unha nova edición da revista do motor Gas a fondo. E a partir das once e media, Toni López convida en Galicia en Toquio o xogador paralímpico de tenis de mesa Alberto Seone e ao xornalista da TVG Alfonso Hermida.