Galicia en Goles
Este mércores, 'Galicia en goles', cos desempates de ascenso á ACB
As dúas semifinais polo ascenso á Liga ACB de baloncesto decídense este mércores. Desde as oito e dez da tarde, a Radio Galega retransmite os desempates das eliminatorias Breogán-Alicante e Granada-Basquet Coruña.
As dúas series están igualadas a unha vitoria e será necesario o terceiro encontro para saber que equipos xogan a final.
O Breogán defende o factor cancha ante un rival que foi superior o sábado e que no Pazo chegou a estar por diante ata os segundos finais. Mentres, o Basquet Coruña foi quen de gañar na pista andaluza, pero con todo a favor caeu en Riazor por tres puntos, aínda que nunca chegou a estar por diante no marcador en ningún momento.
Ademais do baloncesto, o 'Galicia en goles' do mércores tamén terá fútbol. Somozas e Choco disputan no Alcalde Candocia a eliminatoria de cuartos de final polo ascenso á Segunda RFEF.
Ao remate da xornada, os oíntes terán ocasión de escoitar os protagonistas dos tres partidos na edición de 'Ao contraataque', a partir das once da noite.