CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

'Galicia en goles', o martes e o mércores

05/07/2020 - 15:04 h

Últimas dúas semanas de competición na Liga de Fútbol Profesional e catro xornadas por diante.

O martes, desde as nove da tarde, Toni López conduce a retransmisión do partido da Primeira División entre o Celta de Vigo e o Atlético de Madrid, que se vai disputar no estadio municipal de Balaídos. A emisión prolongarase ata a unha da madrugada para escoitar, despois dos noventa minutos, aos adestradores Óscar García e Cholo Simeone. A cita é, se cadra, a máis complicada que lle queda ao equipo vigués ata o remate da temporada e, de sumar os tres puntos, tería practicamente garantida a permanencia.

O mércores, a partir das sete ata as doce da noite, Galicia en goles contará a xornada de Segunda División para os equipos galegos. O Deportivo visita La Rosaleda no mellor momento do curso ante un rival, o Málaga, que ten o mesmo obxectivo, o de sumar a vitoria para selar a continuidade na categoría. Mentres, o Lugo visita o Toralín, onde agarda a Ponferradina, que, tras os últimos resultados, necesita polo menos unha vitoria para evitar problemas. No caso do conxunto galego, a situación é crítica; nas últimas catro xornadas necesita sumar cando menos oito puntos.

As emisións de Galicia en goles chegan á audiencia a través da FM, TDT, a web da Radio Galega, aplicacións como Radioplayer España e os altofalantes Alexa. No caso do Celta-Atlético, a audiencia pode seguir o partido pola tele con dereitos escoitando a retransmisión a través da canle de audio reservada para a Radio Galega.