Destacados
Francisco Igea, sobre as primarias de Ciudadanos en Galicia: "Estou convencido de que hoxe os militantes terán boas noticias"
Esta fin de semana, os militantes de Ciudadanos Galicia elixen en primarias o seu candidato á presidencia da Xunta. Postuláronse sete afiliados, mais só transcenderon os nomes de Beatriz Pino, que foi deputada por Pontevedra, afín a Inés Arrimadas e membro da xestora nacional do partido, e a do crítico Xosé Manuel Blanco, candidato pola provincia de Lugo nas últimas eleccións xerais, en contra dunha coalición electoral co PPdeG.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Francisco Igea, vicepresidente de Castela e León e cabeza visible da plataforma de críticos 'Cs eres tú', apuntou a posibilidade de concentrar todos os apoios da plataforma nun dos seis candidatos alternativos, algúns dos cales pertencen a ela. Igea está "seguro" de que haberá "unha candidatura que defenda o proxecto autónomo de Ciudadanos e que non aspire a integrarse en ningún outro partido". "As cousas xurdiron un pouco precipitadamente, pero estou convencido de que hoxe os militantes de Ciudadanos en Galicia terán boas noticias", engadiu.
A poucas horas de que remate o prazo de presentación de coalicións para as eleccións autonómicas do 5 de abril, Igea puxo en dúbida que deba establecerse unha coalición co PPdeG despois do que cualificou coma un "fracaso electoral notable" de Ciudadanos nas eleccións xerais do 10 de novembro. Neste sentido, Igea reivindicou o papel dos militantes tanto para elixiren o candidato de Ciudadanos á presidencia da Xunta como para decidiren sobre a constitución ou non desa coalición preelectoral co PPdeG.
Segundo Igea, Ciudadanos debe "manterse como un partido autónomo" e recuperar o que define como un "espazo tremendo no centro e no centro esquerda" formado, di, por persoas "de tendencia socialdemócrata ás que non lles gusta o que están vendo no Goberno" central. "Se ese espazo non o enche Ciudadanos, alguén o encherá", engadiu.
Despois da presentación da plataforma onte en Santiago de Compostela, Igea asegura que 'Cs eres tú' "está marchando moi ben" en Galicia e cre que "gran parte dos cargos electos" galegos apoiarán a emenda á totalidade elaborada pola plataforma contra o modelo de partido proposto por Inés Arrimadas, para presentala na asemblea xeral que celebrará Ciudadanos en marzo.
En relación coa súa posible postulación como candidato alternativo a Inés Arrimadas na asemblea, Igea limitouse a aclarar que "os compromisarios que se escollen esta fin de semana non elixirán un presidente [de Ciudadanos], senón un modelo de partido". "Nós levamos tempo dicindo que o que queremos é que os militantes se expresen, e, mentres non o fagan, nós non interpretaremos a súa vontade", concluíu.