Destacados
Este xoves, baloncesto na Radio Galega
Desde as sete menos cinco da tarde, no Nou Congost, Manresa-Obradoiro.
A segunda xornada da Liga ACB de baloncesto desenvólvese entre o mércores, xoves e venres desta semana. A quenda do Obradoiro e este xoves ás sete da tarde no Nou Congost ante o Manresa. Os dous equipos comezaron a temporada con cadansúa vitoria. No Sar, o Obradoiro derrotaba o Fuenlabrada por 101-82 nun partido que sufriu un atraso de 28 horas sobre a hora prevista inicialmente por mor do positivo da covid 19 dun xogador do equipo santiagués. O Manresa, mentres, lograba o triunfo na pista do Estudiantes por 84-88.
Paco Santos dirixe desde as sete menos cinco da tarde a retransmisión do encontro, coa narración de Alfonso Pardo e os comentarios de Roberto Carlos Carballo. A partir das once da noite, os oíntes poderán escoitar os protagonistas do xogo na edición nocturna de Ao contraataque, a partir das once, con Pedro Pablo Alonso.
O Manresa-Obradoiro deste xoves é o primeiro dunha serie de partidos que protagonizarán a semana deportiva na Radio Galega. O venres, desde as oito e media, o Galicia en Goles estará presente no fútbol sala co amigable entre o Noia e O Parrulo Ferrol, ademais de seguir o baloncesto feminino, co Universitario Ferrol-Maristas da Coruña, da Copa Galicia. O sábado, desde as tres da tarde, o rallie Terra da Auga será un dos argumentos do programa, xunto a toda a xornada polideportiva. As grandes citas do fútbol resérvanse para o domingo, coa edición matinal das doce menos cuarto adicada ao Lugo-Almería, mentres desde as tres a sesión de tarde xirará arredor do Valladolid-Celta.
As emisións deportivas da Radio Galega poden seguirse pola FM, TDT, a web radiogalega.gal, aplicacións como Radioplayer España e mesmo polos altofalantes Alexa.