Destacados
Susana Aldecoa: "Temos dúbidas sobre a Central de Seguimento de Contactos porque cremos que escapan moitos casos"
A presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Susana Aldecoa, móstrase preocupada polo rastrexo de contactos: "Temos moitas dúbidas sobre a Central de Seguimento de Contactos porque temos a sensación de que escapan moitos casos. Ás veces chaman á consulta persoas que foron contactos estreitos de positivos e aseguran que non foron chamados. É preocupante. Nós pensamos que é fundamental expandir aínda máis o control de seguimento de casos", sostén nas ondas da Radio Galega.
Sobre o recoñecemento dos profesionais da Atención Primaria fronte ao traballo nos hospitais, a doutora sinala: "Foi terrible na primeira onda porque nós detectabamos pacientes covid, pero dicíannos que non eran covid, que non había transmisión, que os positivos chegaban aos hospitais. Nós, na Atención Primaria, sabiamos que non era certo", ao que engade: "A Atención Primaria aínda é a gran ignorada do sistema sanitario, queda moito por recoñecer do traballo que facemos".
Logo dun ano de pandemia, hai moitas diferenzas entre a primeira onda e a vaga que estamos vivindo na actualidade. "Na Atención Primaria estamos acostumados a tratar directamente cos pacientes. No inicio da pandemia, cando non tiñamos as probas PCR, comezamos a ter moitísimos casos posibles. Foi un motivo da expansión porque non se sabía que eran positivos e non se estudaban os contacos. Agora a situación é totalmente diferente".
A pandemia provocou un aumento das consultas telefónicas. Susana Aldecoa aclara que "os pacientes son atendidos igualmente de forma presencial. Cando un paciente chama á consulta dun médico e explica o que ten, avaliamos se é preciso a consulta presencial. En cambio, se é para pedir receita ou un trámite administrativo, soluciónase de forma telefónica".
En relación ao material sanitario dispoñible, a doutora asegura que "nestes momentos temos material, agora non está sendo un problema, pero estamos preocupados pols novas recomendacións sobre o uso da máscara FFP2".
Sobre a situación actual da pandemia, Susana Aldecoa indica que "a maior parte da xente está na súa casa, o seu coidado está nas nosas mans, da Atención Primaria. Nesta onda temos máis experiencia, tivemos que aprender rápido. Agora controlamos máis cando hai risco de complicacións", sinala.
Logo de coñecer que o Ministerio de Sanidade aprobou a vacina de AstraZeneca para persoas entre 18 e 55 anos, a doutora asegura que "é lóxico, porque non temos datos da eficacia da vacina noutros grupos de idade, o normal é autorizalo en base a investigación feita".
Coa mirada posta no futuro, a doutora prevé que "cando os niveis de vacinación sexan altos, cun 70 ou 80 % da poboación inmunizada, a situación será controlable, pero a enfermidade non vai marchar, seguirá habendo casos. É difícil de prever porque, coa chegada de novas variantes, poden cambiar as previsións".