CRTVG

Buscar

Galicia en goles mediodía

Iago Aspas: "Estou contento na miña casa, pero despois do Mundial xa miraremos"

30/05/2018 - 14:30 h

Iago Aspas foi o protagonista da edición mediodía do Galicia en Goles, na Radio Galega. O xornalista Pedro Pablo Alonso desprazouse ata a cidade deportiva de Las Rozas, lugar de concentración da selección española, para saber como está o dianteiro ante o seu primeiro Mundial e o futuro que lle agarda a próxima temporada.

Sobre a súa presenza no equipo nacional, Iago dixo que está para xogar onde decida Lopetegui, aínda que sabe que se cadra lle toca animar aos compañeiros desde o banco de suplentes. O de Moaña tamén se pronunciou sobre o seu futuro, que prefire aparcar ata que remate o Mundial. Adiantou, eso si, que está contento na súa casa, pero que tras a volta de Rusia mirará a situación. É dicir, Iago non confirma que vaia continuar no Celta a próxima temporada.

A fichaxe do adestrador Antonio Mohamed tamén saiu na entrevista. Recoñece que non o coñecía, pero agora xa pode facerse unha idea de como é tras ler todo o que se publicou. Entende que é un preparador con carácter e coas ideas moi claras.

Por último, Iago Aspas restou cota de responsabilidade a Juan Carlos Unzué no feito de non lograr o pase a Europa. Destaca que durante o curso estiveron sempre preto dos postos que conducían a Europa League e cre que os xogadores tamén teñen que asumir o resultado, porque perderon moitos partidos nos minutos finais.


Información deportiva
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí