CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Galaxia publica a edición en galego de 'A revolución vertical'

29/03/2019 - 10:49 h

Hoxe asomámonos ao mundo da tradición oral, a través dun libro moi peculiar: A revolución vertical ou por que os seres humanos camiñan ergueitos, de NGugi Wa Thiong'o, traducido por Xosé Álvarez Alonso en Galaxia, que parte da tradición oral africana, escrito orixinalmente en kikuye e traducido xa a máis de 100 linguas.  

A través dunha especie de fábula que xorde da disputa entre os curmáns brazos e pernas en que van entrando o resto do corpo, o autor transmite algunhas ideas fundamentais, como o feito de que todas as persoas somos diferentes e xogamos o noso papel, o que se traduce nunha reivindicación da igualdade de dereitos. A súa orixinalidade para trasladar estas ideas, a través dunha historia que semella ter saído dos contos que se transmiten de xeración en xeración, pero tamén a súa sinxeleza.

As ilustracións, do arxentino Agustín Comotto, trasládannos á sabana, onde semellamos que se orixinou esta historia e están claramente inspiradas nas cores e no universo africano, así como tamén nas teas e nos tapices ilustrados alí.

Esta coidada edición de Galaxia, que se completa cun limiar e cun epílogo que nos dá a oportunidade de contextualizar mellor este conto, e tamén de entender que detrás desta procurada sinxeleza hai todo un programa sociopolítico que transcende este breve conto para espallarse ao resto da obra do autor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí